Manifiesto y acto en defensa de la Filosofía organizado por el grupo Doxa

Adjuntamos el Manifiesto en defensa de la Filosofía que el grupo Doxa hará público estos días, tras las alegaciones que presentaron al Anteproyecto de Decreto de ESO y Bachillerato en Galicia. El Manifiesto será entregado en la Consellería de Educación el 27 de abril en acto público.

MANIFESTO EN DEFENSA DA FILOSOFÍA

Grupo DOXA de Filosofía — abril 2015

Diante da inminente implantación da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) no Bacharelato (1º curso) no ano académico 2015-2016, o Grupo Doxa considera necesario informar do seguinte:

A LOMCE elimina tres das catro materias obrigatorias que viñan compoñendo o ciclo completo dos estudos de Filosofía na Educación Secundaria (a “Educación para a Cidadanía” de 2º da ESO, a “Educación Ético-Cívica” de 4º de ESO, e a “Historia da Filosofía” de 2º de Bacharelato) e deixa só unha materia obrigatoria (a “Filosofía” de 1º de Bacharelato), o que supón unha redución do 75% do currículo de Filosofía. É o recorte máis duro e inxustificado que sofren os estudos de Filosofía en toda a historia da democracia española e destrúe o que foi un alicerce básico do sistema educativo español durante o tres últimas décadas.

OBSERVAMOS que este recorte entra en contradición cos obxectivos formativos declarados no preámbulo da LOMCE e contradí tamén as recomendacións da UNESCO.

ESTIMAMOS que os desafíos do mundo contemporáneo complexo, cambiante e incerto requiren dotar a xuventude de instrumentos conceptuais sólidos para comprender as crises profundas que enfrontamos e para construír novos paradigmas éticos. A Filosofía, en tanto exercicio de reflexión racional e crítica, é quen pode proporcionar eses instrumentos que permiten o desenvolvemento dunha racionalidade e a construción de valores compartidos nunha sociedade cada vez máis multicultural.

LEMBRAMOS que a actividade filosófica ten unha longa e sólida tradición académica, independente das diversas ideoloxías políticas e das distintas confesións relixiosas, e constitúe un trazo de identidade imprescindible da cultura occidental e un dos alicerces fundamentais de calquera sistema educativo democrático.

CONSIDERAMOS que os estudos de Filosofía proporcionan ao estudante catro tipos de formación: a) unha formación instrumental no uso rigoroso da linguaxe oral e escrita, e na comprensión de conceptos e problemas, o que o axuda a mellorar as súas capacidades de razoamento e comunicación; b) unha formación transversal e interdisciplinar, que lle permite conectar os diversos saberes do currículo e desenvolver unha maior capacidade de xuízo para afrontar a complexidade do mundo contemporáneo; c) unha formación histórica básica sobre os grandes sistemas de pensamento que configuraron e seguen a configurar a identidade cultural de Occidente; d) e, por último, unha formación integral que o axuda a conciliar o coñecemento, a moral e a sensibilidade, e que é imprescindible para a súa maduración persoal e cualificación profesional.

INFORMAMOS que diversos estudos empíricos revelan que o alumnado que cursa estudos de Filosofía obtén mellores resultados académicos nas probas de avaliación de competencias.

POR TANTO, a supresión desas tres materias filosóficas suporía frustrar unha formación integral do estudante e minguar a súa capacitación persoal e profesional, e comportaría, en contra do que pretende a mesma LOMCE, unha diminución da calidade do sistema educativo español.

ADEMAIS, a súa supresión pode supor un duro golpe ao exercicio da profesión filosófica en Galiza, o que suporía unha perda gravísima para a cultura galega, para a liberdade de pensamento e para a calidade democrática deste país.

Por todo iso, pedimos ao Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que:

  • Aumente nunha hora a carga horaria da “Filosofía” do 1º curso.

  • Propoña a “Historia da Filosofía” do 2º curso do Bacharelato como “materia específica obrigatoria” para todas as modalidades de Bacharelato, cunha carga horaria non inferior a 3 horas semanas.

Comments (2)

  1. Pingback: Manifiesto y acto en defensa de la filosofía organizado por el grupo Doxa (Galicia) | Didáctica de la Filosofía

  2. Pingback: Manifiesto en defensa de la Filosofía | Alfredo Berbegal Vázquez

Deja un comentario

A %d blogueros les gusta esto: