Temos dereito á filosofía. Luis G. Soto e Miguel A. Martínez. La Voz de Galicia, 14/12/2012.
O anteproxecto da LOMCE pretende minorar o ensino da Historia da Filosofía no Bacharelato, converter a Ética en «alternativa á Relixión» e suprimir a Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos. En suma, facer irrelevante a filosofía.
A presenza da filosofía nos sistemas educativos non é un capricho. A Unesco recoñece que conquistar os dereitos fundamentais de todos os seres humanos é «unha finalidade que implica o recoñecemento e posta en práctica dunha certa filosofía do dereito, dos dereitos humanos e da historia universal, por medios que son, en si mesmos, filosóficos» (www.portal.unesco.org). Establece entre as súas prioridades «a ética da ciencia e da tecnoloxía (con especial fincapé na bioética), a filosofía e a democracia». Nesta liña, en 1995 a Unesco asinou, e promoveu, a Declaración de París a favor do ensino da filosofía. Xa que logo, a presenza da filosofía nos currículos educativos responde ao dereito dos cidadáns a comprender a historia, valor e significado profundos das ideas (como dignidade, persoa, igualdade, xustiza, democracia, liberdade, felicidade, etcétera) que propician unha vida digna e aseguran unha convivencia pacífica.
Mais o valor formativo da filosofía vai moito máis alá: filósofos e filósofas levan séculos enfrontándose ás preguntas máis vitais, reflexionando sobre as cuestións que ao longo da historia, e na vida de cada un, preocupan ao ser humano. Desde a súa orixe, a filosofía responde a estas inquedanzas aportando argumentos, clarificando cuestións, deitando luz sobre o sentido. Durante dous mil seiscentos anos, os filósofos e filósofas demostran que o seu traballo reflexivo atinxe e diríxese a calquera: cada persoa enfróntase día a día ao sentido da súa propia vida, e a filosofía axuda a atopar solucións racionais e razoables. Todos filosofamos porque sabemos algo de filosofía, porque nalgún momento estivemos en contacto con ela.
Rabenar a presenza da filosofía no ensino secundario é pór pedras no difícil camiño de aprender a ser persoas, a convivir en paz, a traballar en colaboración, a procurar sentido ao que facemos e a como vivimos. Aprender estas cousas non representa só un obxectivo loable, máis ou menos ideal, senón que debe ser un propósito dos gobernantes e é un dereito dos cidadáns. As autoridades teñen que ser conscientes de que para esa tarefa son insubstituíbles as materias de Historia da Filosofía e a Ética que a LOMCE pretende relegar, e a Educación para Cidadanía que pretende suprimir.
Luis G. Soto é decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago. Miguel A. Martínez é profesor de Filosofía de Ensino Secundario e membro do Grupo Doxa de Filosofía