Os días 17, 18 e 19 de febreiro celébrase o IV Foro de Filosofía da cidade de Lugo organizado polo Grupo Doxa de Filosofía. O tema deste ano é “Filosofía e progreso”. O título non é casual. A día de hoxe hai un bloqueo (político) da potencialidade revolucionaria (crítica) da idea de progreso. Tamén un ataque (gobernamental) á filosofía. Son fenómenos correlativos. A idea de progreso redúcese a perfeccionamento tecnolóxico. A filosofía sufre restricións moi graves no seu exercicio público. Quen rexeita a filosofía soe negar a posibilidade do progreso moral (nas persoas) e político (nas sociedades). Pensemos no actual declinar das ideas de ben común e xustiza. E no sorriso escéptico que esperta a idea dunha sociedade mellor. Individualismo e cinismo son os seus efectos. Que relación existe entre progreso social e filosofía? Como contribúe a filosofía ao benestar colectivo?
Progresar é crear novas posibilidades de vida boa para as persoas. Tamén é dispoñer de capacidade de resistencia contra o mal moral, o horror político, a asneira asociada á corrupción transversal. O progreso é filosófico. Por que?
- Nas sociedades existe engano, trampa, mentira. Mais quen se compromete a buscar, examinar e argumentar a verdade asume un compromiso filosófico. Chomsky, Vattimo, Adela Cortina, Lledó, Sádaba, entre outros, instan a dicir a verdade. Desmontar argumentos falsos é unha disposición que se aprende grazas á filosofía. Resulta de proveito para a sociedade. De tal xeito, a filosofía impregna o auténtico ethos profesional de calquera profesión (médico, científico, xornalista, etc).
- As pseudociencias (astroloxía, economía neoclásica, cosmoloxía creacionista, revisionismo histórico, parapsicoloxía, entre outras) e pseudosaberes (coaching, mercadotecnia, “bloguerismo”, por dicir algúns) teñen éxito. Son discursos que non se someten a proba, cometen fraudes, son dogmáticos, rexeitan a crítica, os seus principios son incompatibles cos máis seguros da ciencia, só buscan a rendibilidade económica, obstaculizan a investigación da verdade. A filosofía deita luz sobre estas manipulacións. Nesta tarefa o filósofo Mario Bunge xa foi galardoado con vinte doutoramentos honoris causa.
- Todos os saberes están sacudidos por controversias que teñen unha forte compoñente filosófica. Problemas lóxicos, como os da estrutura das argumentacións en neuroloxía e computación; éticos, como a eutanasia e a experimentación animal; políticos, como o uso da enxeñería social para a organización e gobernanza da sociedades. Neles filosofía e ciencia solápanse. A filosofía amplía horizontes, establece pontes entre dominios científicos diferentes creando novos obxectos, disciplinas e argumentos. Lembremos o impacto mundial da reflexión lóxica de Saul Kripke, ética de Peter Singer e política de Martha Nussbaum.
A filosofía é creación de pensamento. Tamén innovación que establece novos niveis de consciencia crítica e autoconsciencia. De aí as súas repercusións nas sociedades da información e a comunicación: atravesa as artes, a ciencia, a técnica; penetra na moral persoal e impulsa á práctica da democracia; axuda a loitar contra a corrupción política e social. É un refuxio para a verdade e a liberdade. Inspira, xa que logo, un novo xeito de progreso social. Todos estamos convidados a pensar nel.
Imprimo y guardo. Gracias.