A Aula Castelao de Filosofía colabora outro ano máis coa Universidade de Vigo na Semana da creativa coas xornadas de “Pensamento e creación”. O presente ano terán o seguinte contido:
Mércores 24 de abril ás 17:30 h.
«Soidades do alfabeto: Foulas e prodixios do pasado».
Calros Solla (Escritor)
No libro «Soidades do alfabeto», Calros Solla fai un exercicio de memoria, requintada coa cerna da palabra. O autor rescata da gabeta dos extravíos un mañuzo de apuntamentos etnográficos, recollidos en Terra de Montes nos anos noventa. A recolla ofréceselles aos lectores en notas vestidas coa sobriedade do caderno de campo ou recreados en poemas e relatos onde a etnografía e a mitoloxía camiñan da man».
Calros Solla (Pontevedra, 1971). Filólogo, profesor, poeta, etnógrafo e investigador. Membro fundador do colectivo Capitán Gosende. Membro da sección de Literatura de Tradición Oral da Aelg. Artífice da colección Cerdedo in the Voyager (Ed. Morgante): máis dunha vintena de títulos cos que o autor eviscera o territorio de Cerdedo de Montes –transunto do país–, valéndose dos escalpelos da lingua, da historia, da etnoloxía e da antropoloxía.
Premio Johán Carballeira (2010), premio Victoriano Taibo (2011), premio Cidade de Pontevedra (2015), premio Cogave (2017). Mencións de honra da asociación Amigos da Cultura Celta (2011 e 2017) e da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (Apdr) (2018). Premio Galiza Mártir (2023).
«A palabra no eido musical. Tradición e creatividade»
Actuación de Tino Baz
Tino Baz, cantor baixomiñoto orixinario do pobo da Guarda, estará presente nesta actividade da Aula Castelao xunto ao profesor, filólogo e poeta Calros Solla para abordar desde diferentes perpectivas da creatividade o eido concreto da memoria e a tradición. No caso concreto deste cantor, centrarase no emprego da palabra como segmento creativo no aspecto musical e vocal, a través da linguaxe poética como soporte fundamental da dimensión artística do canto como creación da memoria, e como esta se sementa da oralidade para desenvolverse a través de múltiples fontes.
Venres 26 de abril ás 17:30 h.
“Corpos de memoria”
Andrea Costas
“Non podes deter o presente. Cada día tes que abandonar o pasado. Se non podes acéptalo, se sentes a necesidade de non abandonalo, debes recrealo” Louise Bourgeois
A creación artística non ofrece respostas pero permite afondar e reflexionar sobre eses temas que todxs necesitamos procesar dalgunha maneira. As nosas problemáticas cotiás volven ser fontes infinitas de asombro, de temor, de fascinación… como xa foron para utrxs creadorxs antes ca nós e seguirán a ser despois. Non inventamos nada pero necesitamos expresarnos e facer visible o intanxible.
Nesta ocasión a autora fará unha presentación comentada dalgúns dos seus traballos persoais dende o ano 2000 ata a actualidade. Un percorrido no que se explicará cada peza dende a súa xénese ata a formalización final, pasando polas incertezas propias dos proxectos de creación. A exposición, clara e próxima, pretende tamén provocar debate sobre os temas abordados nas distintas obras (a maternidade, o paso do tempo, a exposición do corpo e a intimidade, a familia, a identidade…)
ANDREA COSTAS LAGO
Artista visual e docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Desenvolve a súa labor creativa utilizando diversas linguaxes como instalación, vídeo ou performance, aínda que é mais coñecida polo seu traballo fotográfico. A súa persoal narrativa soe tratar temas tan cotiáns coma universais dende unha perspectiva emocional e psicolóxica. As súas pezas foron mostradas en exposicións como Desapego (MARCO, Vigo, 2023), A paisaxe e a súa pegada (Casa do Cabido, Santiago de Compostela, 2019); Alén dos xéneros (MARCO e Auditorio de Galicia, 2016) Alivio (Alterarte, Ourense, 2011); Mapas creativos. Novos nomes na arte galega (Galería Orígenes, A Habana, 2008); Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia (Auditorio de Galicia, Compostela, 2008); La jeune création photographique en Galicia (Toulousse, 2007); La buena vida (Ciclo de performance Arte no parque, CGAC, Compostela, 2006); O Feito Fotográfico (MARCO, Vigo, 2004). Así mesmo, a súa obra foi premiada en certames como Novos Valores (2001), Injuve (2002), Artes Plásticas Ourense (2007). Aparte dos libros de fotografía Formas de Ser (CEF 2002) e Persoal e transferible (CEF 2006), tamén é co-autora xunto Yolanda Castaño do libro Cociñando ao pé da letra (Galaxia 2011), evidenciando unha vez máis a súa permeable curiosidade cara á creación.
“Arteria temporal”
Silvia Penas e CintaAdhesiva
Cintaadhesiva parte dos puntos de unión que comparten varios ámbitos artísticos para crear intervencións onde conflúen a intermedialidade e a interdisciplinariedade. Poesía, música, videoarte e posta en escena reúnense nun proxecto pensado para o directo, para a acción. Desta vez, será o concepto do tempo o que ocupe o seu repertorio e guíe o recital e a acción escénica.
Silvia Penas (Vigo, 1980)
Como poeta ten publicados varios volumes e foi galardoada en diferentes certames, como As uñas crecen, poemario gañador do certame Manuel Lueiro Rey de poesía ou Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, co que obtivo o premio Avelina Valladares. Vén de publicar recentemente o poemario Retratos de vodas, partos e funerais (Ed. Galaxia)
Participou como actriz e co-creadora da obra de teatro Sofía e as Postsocráticas da compañía Inversa Teatro. Conta tamén con algunhas pezas no ámbito da performance. Forma parte do dúo de poesía escénica Cintaadhesiva e do colectivo interdisciplinar LÍMITES.
Jesús Andrés Tejada (Málaga, 1970)
Deseñador gráfico, músico e videocreador.
Realizou diversos proxectos artísticos: Cía. Branca Novoneyra, Cía. Druida danza, Sulxeitos, ISGA collective, Dandylady, Cía. de danza Indio Palo, Mago Teto e o Centro Coreográfico Galego, nestá última cos espectáculos Etheria e Verde Transparente.
Formou parte do proxecto de poesía escénica Tender a Man xunto a Yolanda Castaño, Mónica de Nut, Isaac Garabatos e Branca Novoneyra.
Na actualidade participa nos proxectos COSTA ESCURA (krautrock) e CINTAADHESIVA (perfopoesía) e forma parte do colectivo interdisciplinar LÍMITES.