Jornadas del Grupo Doxa de Filosofía en Lugo

Os días 17, 18 e 19 de febreiro celébrase o IV Foro de Filosofía da cidade de Lugo organizado polo Grupo Doxa de Filosofía. O tema deste ano é “Filosofía e progreso”. O título non é casual. A día de hoxe hai un bloqueo (político) da potencialidade revolucionaria (crítica) da idea de progreso. Tamén un ataque (gobernamental) á filosofía. Son fenómenos correlativos. A idea de progreso redúcese a perfeccionamento tecnolóxico. A filosofía sufre restricións moi graves no seu exercicio público. Quen rexeita a filosofía soe negar a posibilidade do progreso moral (nas persoas) e político (nas sociedades). Pensemos no actual declinar das ideas de ben común e xustiza. E no sorriso escéptico que esperta a idea dunha sociedade mellor. Individualismo e cinismo son os seus efectos. Que relación existe entre progreso social e filosofía? Como contribúe a filosofía ao benestar colectivo?

doxa 2Progresar é crear novas posibilidades de vida boa para as persoas. Tamén é dispoñer de capacidade de resistencia contra o mal moral, o horror político, a asneira asociada á corrupción transversal. O progreso é filosófico. Por que?

  1. Nas sociedades existe engano, trampa, mentira. Mais quen se compromete a buscar, examinar e argumentar a verdade asume un compromiso filosófico. Chomsky, Vattimo, Adela Cortina, Lledó, Sádaba, entre outros, instan a dicir a verdade. Desmontar argumentos falsos é unha disposición que se aprende grazas á filosofía. Resulta de proveito para a sociedade. De tal xeito, a filosofía impregna o auténtico ethos profesional de calquera profesión (médico, científico, xornalista, etc).
  2. As pseudociencias (astroloxía, economía neoclásica, cosmoloxía creacionista, revisionismo histórico, parapsicoloxía, entre outras) e pseudosaberes (coaching, mercadotecnia, “bloguerismo”, por dicir algúns) teñen éxito. Son discursos que non se someten a proba, cometen fraudes, son dogmáticos, rexeitan a crítica, os seus principios son incompatibles cos máis seguros da ciencia, só buscan a rendibilidade económica, obstaculizan a investigación da verdade. A filosofía deita luz sobre estas manipulacións. Nesta tarefa o filósofo Mario Bunge xa foi galardoado con vinte doutoramentos honoris causa.
  3. Todos os saberes están sacudidos por controversias que teñen unha forte compoñente filosófica. Problemas lóxicos, como os da estrutura das argumentacións en neuroloxía e computación; éticos, como a eutanasia e a experimentación animal; políticos, como o uso da enxeñería social para a organización e gobernanza da sociedades. Neles filosofía e ciencia solápanse. A filosofía amplía horizontes, establece pontes entre dominios científicos diferentes creando novos obxectos, disciplinas e argumentos. Lembremos o impacto mundial da reflexión lóxica de Saul Kripke, ética de Peter Singer e política de Martha Nussbaum.

A filosofía é creación de pensamento. Tamén innovación que establece novos niveis de consciencia crítica e autoconsciencia. De aí as súas repercusións nas sociedades da información e a comunicación: atravesa as artes, a ciencia, a técnica; penetra na moral persoal e impulsa á práctica da democracia; axuda a loitar contra a corrupción política e social. É un refuxio para a verdade e a liberdade. Inspira, xa que logo, un novo xeito de progreso social. Todos estamos convidados a pensar nel.

Comments (1)

Deja un comentario

A %d blogueros les gusta esto: